[Tradutores-Ubuntu] Erro na entrada do menú do Empathy

Antón Méixome certima at certima.net
Fri Oct 2 11:42:32 BST 2009


Non, a RAG non dixo nin mú no dicionario normativo nisto en concreto
pero o DOG utiliza mensaxaría xa desde o 2004

"Resolución do 27 de maio de 2004 pola que se fai pública a
adxudicación do procedemento negociado sen publicidade para a
contratación de servizo de mensaxaría local, rexional e nacional."

É dicir, cando a RAG se pronuncie vai ter que asumir o uso oficial (o
DOG é uso formal e oficial) que xa leva os seus anos funcionando. Como
moito creo que se dará opción a empregar ambas formas, e xa postos
creo que é razoabelmente mellor consolidar a forma "regular" -aría  e
evitar que a normativa teña casos excepcionais (aínda que en filoloxía
"pura" optaríase por deixar só mensaxería). A norma da lingua ten
moitos factores,  é así de complexo en calquera idioma de cultura.




2009/10/2 Leandro Regueiro <leandro.regueiro at gmail.com>:
>> Vaia, pois sinto contradicir. Non é un erro senón a aplicación regular
>> das regras do 2003. Preferencia pola terminación -aría (fronte a
>> -ería): libraría, consellaría, etc.
>>
>> No fondo, a cuestión é que facemos un calco lingüístico do castelán. A
>> palabra non ten fixación normativa aínda nin con -ería, nin con -aría.
>> A solución de "messaging" varía segundo cada lingua.
>>
>> Eu busquei documentar desde o punto de vista normativo e atopei que no
>> DOG case sempre se emprega "mensaxaría" (electrónica ou non) .
>>
>> Mais cabe considerar que mensaxe (provenzal /messatge/) pola súa orixe
>> é unha palabra que debería facer o substantivo abstracto como -ería,
>> xa que sería de aplicación a regra da analoxía (coma nos casos de
>> batería, galería, mercería, bixutería, coquetería, galantería ... )
>> que non teñen posibilidade de formas en -aría. De todas maneiras o
>> caso de "mensaxería/aría" podería ser considerado como palabra
>> recreada, como neoloxismo seguindo o patrón de "carpintaría",
>> "libraría", etc. E unha maneira de disimular a realidade de que
>> obviamente procede da influencia do castelán "mensajería", que no caso
>> de admitirse levaríanos necesariamente a mensaxería.
>>
>> É unha palabra moi nova ao punto de que en portugués non se emprega
>> (prefire "mensageiro vivo" ou "instantáneo")  e en castelán nin
>> sequera está recollido este uso no dicionario oficial por moi
>> "estandarizada" que xa está a tradución "mensajería instantánea". A
>> opción da maioría das linguas románicas é esquivar a creación do termo
>> abstracto...
>>
>> En resumo, que hai razóns para ambas solucións, ora ben o uso máis
>> "formal" tende a ser analóxico coas demais formas en -aría.
>
> Isto é un cambio que non me gusta, pero se a RAG di que é así,
> terémolo que poñer así.
>
> Ata logo,
>                     Leandro Regueiro
>
> --
> Ubuntu-l10n-gl mailing list
> Ubuntu-l10n-gl at lists.ubuntu.com
> https://lists.ubuntu.com/mailman/listinfo/ubuntu-l10n-gl
>



More information about the Ubuntu-l10n-gl mailing list